Xoves, 12 de
xaneiro
Cuarto día de
clase desde a volta de Nadal. Nova profesora na materia de didáctica: Luz.
E por sorte, unha
vez máis, quedamos encantados.
Clase totalmente
produtiva, interactiva e na que o tempo voou.
Para empezar,
presentámonos. Cubrimos unha ficha e tivemos que escribir un pequeno dato
curioso sobre nós. Cousa que me chamou moito a atención e me pareceu moi
interesante pero que eu non estiven nada aguda. Acostumo a necesitar máis tempo
para que se me ocorra algo orixinal, a presión nunca xogou ao meu favor (salvo
as datas límite para a entrega de tarefas).
Logo fixemos un
xogo moi entretido que consistía en adiviñar algo da profesora, o cal me parece
tamén moi boa idea para ter unha primeira toma de contacto con ela e gañar un
pouco de confianza, o que dalgunha maneira propicia un ambiente máis relaxado e
de confianza na clase.
A continuación
empezamos coa temática que nesta aula se trataría: que é unha competencia e
cales son todas as competencias que se han de tratar nas aulas.
Así, paso por
paso, fomos vendo entre todos as sete competencias que se han de incluír na
clase de linguas estranxeiras, no noso caso, o inglés. Fomos aportando entre
todos os coñecementos previos que tiñamos e a profesora foinos guiando ata
adiviñar outras características de cada competencia moi importantes para
utilizar.
A primeira
competencia que vimos e a máis intrínseca coa aprendizaxe de idiomas foi a
comunicación lingüística. Aquí fixemos unha actividade moi divertida, unha vez
máis de adiviñar (que sen dúbida é o que máis motiva aos alumnos, dar motivos
para ser máis rápido e levantar lixeiramente a autoestima), na que José e eu
saímos ao fronte da clase e tiñamos que interpretar unha suposta situación real
na que eu non coñecía o nome da palabra en inglés do obxecto que quería mercar
(como de feito así era, neste caso tratábase dun rawlplug). Tanto José, que facía de dependente, como o resto da
clase, tiñan que adiviñar que era o que buscaba. De primeiras, como sempre,
ninguén quixo saír. Pero descubrín que non me sentín nada incómoda, de feito
gustoume ter saído, porque na nosa aula hai moi bo ambiente, os compañeiros son
todos moi considerados e colaboradores (algo que me encanta desta miña clase
actual) e parece que esa actividade contribuíu tamén a gañarnos máis confianza
aínda para o desempeño da aprendizaxe comunicativa.
Isto tamén me
fixo dalgunha maneira valorar máis un dos métodos de aprendizaxe que viramos na
materia de Inglés no contexto nacional e internacional, o método resposta
física total. Este método iníciase en California nos anos 70, cando a
pragmática de Chomsky está en pleno auxe. Indícanos que o noso cerebro está
bioloxicamente programado para falar linguas, a linguaxe é algo innato. Este
método pon énfase na comprensión, en escoitar e aprender. Así, a aprendizaxe
xorde a través das accións e dos movementos físicos e o profesor convértese
nunha especie de director de teatro. Non hai nin materiais nin libros de texto.
De primeiras non me pareceu un método moi serio porque non considero que leve a
ningunha parte á hora de realmente afondar nunha lingua, pero si me fixo ver
que se pode tratar dun método moi efectivo para romper o xeo e coller confianza
á hora de ter unha primeira toma de contacto cunha lingua e soltarse para
falar. Ademais, asenta a seguridade do aprendiz para desenvolverse neste outro
idioma, porque aínda que fraquee no punto da gramática, paréceme moi efectivo para
lanzarse á fala da lingua, á par que entretido e dinámico.
En canto á
competencia dixital, entendo que se trata dunha moi boa ferramenta para
favorecer a aprendizaxe, pero aínda non estou segura de se estou a favor ou en
contra. Como traballos para casa (tipo webquest)
ou recursos online como dicionarios
ou fonte de información, paréceme indiscutiblemente útil e imprescindible, pero
para a aprendizaxe na aula non sei se me acaba de convencer. Isto débese a que
o considero ao mesmo tempo unha ferramenta e unha distracción. Como alumna
tanto de na universidade como na EOI, podo observar que o móbil é realmente
unha distracción. Non considero que prohibilo sexa a solución, porque as
prohibicións nunca foron boas e basta que se prohiba algo para que se empecen a
saltar as normas, pero teño que dicir que desde hai uns anos para aquí, non
conseguín estar unha hora enteira nunha biblioteca sen que soen móbiles ou se
escoiten trozos de vídeos ou música en alto. Para min honestamente é moi
molesto, e isto considerando que nas bibliotecas xa somos todos maiorciños, non
estudantes da ESO. Isto lévame a debaterme como conseguir que os estudantes
sexan o suficientemente maduros como para non estar mirando Facebook na aula ou falando por chats. Precisamente por isto son
partidaria dunha aula como a que tivemos este día, innovadora desde o punto de
vista de que é moi interactiva, comunicativa e efectiva, e na que non se
depende unicamente de soportes virtuais para facer efectiva a aprendizaxe. Sen
dúbida, nas miñas aulas si sería partidaria de que desenvolvan tarefas de TIC
na casa e de vez en cando na clase, pero non o tomaría como o único medio para
desenvolver a aprendizaxe.
Isto tamén me
leva ao punto que vimos da tendencia dos
estudantes a utilizar o tradutor Google
a pesar do moito que se lles avisa de non facelo. Como conseguir que se atrevan
a facelo por eles mesmos coa axuda de outras ferramentas? Creo que aí unha vez
máis entra en xogo o ambiente de tranquilidade e seguridade que teñan na aula e
en si mesmos. Procuraría poñer poucos exercicios para que non recorran á opción
fácil e non lles quite tempo de outros entretementos, pero intentaría propiciar
unha vez máis un contexto de seguridade e de reforzo da autoestima para que
sexa máis efectiva a aprendizaxe.
Outro dos puntos
destacados na aula foi un vídeo que vimos chamado “Being rude internationally”. Os exemplos visuais e que chamen a
atención de determinados aspectos fai que cale aquela información que se desexa
dar. Ademais, persoalmente, estou moi sensibilizada co aspecto dos valores
éticos. Son unha gran fan das revistas de National
Geographic e sinto moitísima lástima por todo o que está a acontecer coas
especies e coa contaminación do medio ambiente. Creo nunha imperiosa necesidade
do ser humano de evolucionar en conxunto dunha maneira moi apremiante,
considero esta competencia a máis necesaria de todas. Por este motivo, aínda
que valoro moito a miña cultura, me sinto tan cómoda en países do norte. Porque
aínda que sexan moito máis capitalistas (e non estea en absoluto a favor
disto), están moito máis civilizados. Síntome cómoda porque alí maltratar a un
animal está moi mal visto, por non falar de maltratar a unha persoa. E
considero que a presión social é fundamental para que se cumpran as leis.
Evidentemente. o peso da lei, se é real, é efectivo. Se un goberno se toma en
serio empezar a penalizar os crimes, isto xurdirá efecto, pero por desgraza en
España non pasa. Nin o goberno se toma en serio os valores éticos, nin tampouco
sae dos cidadáns. Gústame dos países do norte, que se hai un caso de maltrato
na vivenda do lado, se denuncie, e non se faga como que un non sabe nada. Isto
en España acontece porque realmente está mal visto meterse nos asuntos dos
demais, como que o que pasa entre unha familia ou parella non é cousa nosa e
nós non o entendemos, cando nos países do norte o que está mal visto é
permanecer pasivo e non estar activo no camiño cara a evolución conxunta da
sociedade. Pero non quero ser catastrofista e quero aclarar que si creo que a
evolución conxunta chegará tamén a España tarde ou cedo, aínda co gran intento
do Goberno de aparvar a poboación a través de festas baseadas en mestura de
alcohol e maltrato animal, fútbol e programación televisiva lixo. Sei que é
unha sociedade que está moi formada, porque me da igual o que digan do sistema
educativo español, eu penso que o funciona moi ben. Só se trata de viaxar e
ler, e as cousas virán por si soas.
E ata aquí a miña
reflexión persoal que me aportou esta clase. Só dicir que me gustou moito a
maneira na que se desenvolveu e que me queda pendente descubrir como conseguir
unha actitude madura por parte dos alumnos para que se desenvolva mellor a
clase e a aprendizaxe sexa máis propicia.
Proposta de actividade para a aula
A actividade
proposta para a clase consistirá no seguinte:
Primeiramente, anotaría
no taboleiro palabras clave para que os alumnos adiviñasen de que temática se
trata. Esas palabras serían as seguintes:
Floods, drought, heat wave, economic impact,
melting ice, sea level rise
Empezaría poñendo
unicamente tres palabras, e iría engadindo unha ata que alguén adiviñase que o
tema é o Climate Change.
Logo preguntaría
se coñecen máis palabras clave, aínda que fose en galego ou castelán e logo
trataríamos de sacalas todos xuntos.
Despois
preguntaría se coñecen persoas famosas involucradas neste tema: James Cameron,
Harrison Ford, Mark Ruffalo. Sairá o tema de Leonardo Dicaprio e o discurso dos
Oscars. Preguntaría se viron a película e que lles pareceu, con coidado de non
contar demasiado para quen non a vira. Logo preguntaría se alguén viu o
discurso e se recordan algo.
A continuación
poñería o vídeo en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=AOoP56eXtzM,
saltando os agradecementos e indo directamente á parte na que pasa á temática
do cambio climático (empeza no minuto 1:58). Previamente explicaría algunhas estruturas
como to take for granted, to procrastinate,
to be drowned out.
Logo preguntaría se entenderon algunha palabra clave
como species, indigenous people, polluter
e se sacaron algunha idea e daría un reforzo positivo. A continuación daría a
transcrición en inglés e volveríamos a velo co texto diante, e preguntaría que
palabras lle parecen importantes e senten algunha preocupación persoal por este
tema. Preguntaría tamén se coñecen algunha consecuencia máis producida polo
cambio climático, como: species extiction,
diseases, landslides.
Logo poñería o
seguinte vídeo, un corto animado algo impactante que trata sobre a pisada do ser
humano na terra: https://www.youtube.com/watch?v=dWAAgY94kiM&t=11s
Despois,
preguntaríalles que lles parece e se lles parece importante frear algunhas das cousas
que se están a facer.
Tamén preguntaría
que podemos facer persoalmente para aportar o noso gran de area, e tamén se hai alguen que xa o fai ou que está decidido a empezar a facer algo concreto. Logo sacaría o
tema das 3 r’s: reduce, rehuse and recycle.
A continuación
diríalles que se levantasen e preguntasen a 4 compañeiros que medidas toman
eles para contribuír a este proceso e pediríalle a 4 persoas que compartiran os
resultados.Por último, animaríaos a estes tres pasos, así como a facer compost
aqueles que teñan a posibilidade.
Gracias polos comentarios, alégrome de que esta materia esté resultando interesante.
ResponderEliminarA actividade está moi ben, a idea de comezar palabra por palabra ata adiviñar o tema é boa. Penso que precisarías un par de sesións para traballar todo, se cadra poñendo un vídeo en cada unha. Nivel? Suxiro que bacharelato ou un 4º ESO bó.