Mostrando entradas con la etiqueta Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de enero de 2017

Sesión 1 - Luz

Xoves, 12 de xaneiro

Cuarto día de clase desde a volta de Nadal. Nova profesora na materia de didáctica: Luz.
E por sorte, unha vez máis, quedamos encantados.

Clase totalmente produtiva, interactiva e na que o tempo voou.

Para empezar, presentámonos. Cubrimos unha ficha e tivemos que escribir un pequeno dato curioso sobre nós. Cousa que me chamou moito a atención e me pareceu moi interesante pero que eu non estiven nada aguda. Acostumo a necesitar máis tempo para que se me ocorra algo orixinal, a presión nunca xogou ao meu favor (salvo as datas límite para a entrega de tarefas).

Logo fixemos un xogo moi entretido que consistía en adiviñar algo da profesora, o cal me parece tamén moi boa idea para ter unha primeira toma de contacto con ela e gañar un pouco de confianza, o que dalgunha maneira propicia un ambiente máis relaxado e de confianza na clase.

A continuación empezamos coa temática que nesta aula se trataría: que é unha competencia e cales son todas as competencias que se han de tratar nas aulas.

Así, paso por paso, fomos vendo entre todos as sete competencias que se han de incluír na clase de linguas estranxeiras, no noso caso, o inglés. Fomos aportando entre todos os coñecementos previos que tiñamos e a profesora foinos guiando ata adiviñar outras características de cada competencia moi importantes para utilizar.

A primeira competencia que vimos e a máis intrínseca coa aprendizaxe de idiomas foi a comunicación lingüística. Aquí fixemos unha actividade moi divertida, unha vez máis de adiviñar (que sen dúbida é o que máis motiva aos alumnos, dar motivos para ser máis rápido e levantar lixeiramente a autoestima), na que José e eu saímos ao fronte da clase e tiñamos que interpretar unha suposta situación real na que eu non coñecía o nome da palabra en inglés do obxecto que quería mercar (como de feito así era, neste caso tratábase dun rawlplug). Tanto José, que facía de dependente, como o resto da clase, tiñan que adiviñar que era o que buscaba. De primeiras, como sempre, ninguén quixo saír. Pero descubrín que non me sentín nada incómoda, de feito gustoume ter saído, porque na nosa aula hai moi bo ambiente, os compañeiros son todos moi considerados e colaboradores (algo que me encanta desta miña clase actual) e parece que esa actividade contribuíu tamén a gañarnos máis confianza aínda para o desempeño da aprendizaxe comunicativa.

Isto tamén me fixo dalgunha maneira valorar máis un dos métodos de aprendizaxe que viramos na materia de Inglés no contexto nacional e internacional, o método resposta física total. Este método iníciase en California nos anos 70, cando a pragmática de Chomsky está en pleno auxe. Indícanos que o noso cerebro está bioloxicamente programado para falar linguas, a linguaxe é algo innato. Este método pon énfase na comprensión, en escoitar e aprender. Así, a aprendizaxe xorde a través das accións e dos movementos físicos e o profesor convértese nunha especie de director de teatro. Non hai nin materiais nin libros de texto. De primeiras non me pareceu un método moi serio porque non considero que leve a ningunha parte á hora de realmente afondar nunha lingua, pero si me fixo ver que se pode tratar dun método moi efectivo para romper o xeo e coller confianza á hora de ter unha primeira toma de contacto cunha lingua e soltarse para falar. Ademais, asenta a seguridade do aprendiz para desenvolverse neste outro idioma, porque aínda que fraquee no punto da gramática, paréceme moi efectivo para lanzarse á fala da lingua, á par que entretido e dinámico.

En canto á competencia dixital, entendo que se trata dunha moi boa ferramenta para favorecer a aprendizaxe, pero aínda non estou segura de se estou a favor ou en contra. Como traballos para casa (tipo webquest) ou recursos online como dicionarios ou fonte de información, paréceme indiscutiblemente útil e imprescindible, pero para a aprendizaxe na aula non sei se me acaba de convencer. Isto débese a que o considero ao mesmo tempo unha ferramenta e unha distracción. Como alumna tanto de na universidade como na EOI, podo observar que o móbil é realmente unha distracción. Non considero que prohibilo sexa a solución, porque as prohibicións nunca foron boas e basta que se prohiba algo para que se empecen a saltar as normas, pero teño que dicir que desde hai uns anos para aquí, non conseguín estar unha hora enteira nunha biblioteca sen que soen móbiles ou se escoiten trozos de vídeos ou música en alto. Para min honestamente é moi molesto, e isto considerando que nas bibliotecas xa somos todos maiorciños, non estudantes da ESO. Isto lévame a debaterme como conseguir que os estudantes sexan o suficientemente maduros como para non estar mirando Facebook na aula ou falando por chats. Precisamente por isto son partidaria dunha aula como a que tivemos este día, innovadora desde o punto de vista de que é moi interactiva, comunicativa e efectiva, e na que non se depende unicamente de soportes virtuais para facer efectiva a aprendizaxe. Sen dúbida, nas miñas aulas si sería partidaria de que desenvolvan tarefas de TIC na casa e de vez en cando na clase, pero non o tomaría como o único medio para desenvolver a aprendizaxe.

Isto tamén me leva ao punto  que vimos da tendencia dos estudantes a utilizar o tradutor Google a pesar do moito que se lles avisa de non facelo. Como conseguir que se atrevan a facelo por eles mesmos coa axuda de outras ferramentas? Creo que aí unha vez máis entra en xogo o ambiente de tranquilidade e seguridade que teñan na aula e en si mesmos. Procuraría poñer poucos exercicios para que non recorran á opción fácil e non lles quite tempo de outros entretementos, pero intentaría propiciar unha vez máis un contexto de seguridade e de reforzo da autoestima para que sexa máis efectiva a aprendizaxe.

Outro dos puntos destacados na aula foi un vídeo que vimos chamado “Being rude internationally”. Os exemplos visuais e que chamen a atención de determinados aspectos fai que cale aquela información que se desexa dar. Ademais, persoalmente, estou moi sensibilizada co aspecto dos valores éticos. Son unha gran fan das revistas de National Geographic e sinto moitísima lástima por todo o que está a acontecer coas especies e coa contaminación do medio ambiente. Creo nunha imperiosa necesidade do ser humano de evolucionar en conxunto dunha maneira moi apremiante, considero esta competencia a máis necesaria de todas. Por este motivo, aínda que valoro moito a miña cultura, me sinto tan cómoda en países do norte. Porque aínda que sexan moito máis capitalistas (e non estea en absoluto a favor disto), están moito máis civilizados. Síntome cómoda porque alí maltratar a un animal está moi mal visto, por non falar de maltratar a unha persoa. E considero que a presión social é fundamental para que se cumpran as leis. Evidentemente. o peso da lei, se é real, é efectivo. Se un goberno se toma en serio empezar a penalizar os crimes, isto xurdirá efecto, pero por desgraza en España non pasa. Nin o goberno se toma en serio os valores éticos, nin tampouco sae dos cidadáns. Gústame dos países do norte, que se hai un caso de maltrato na vivenda do lado, se denuncie, e non se faga como que un non sabe nada. Isto en España acontece porque realmente está mal visto meterse nos asuntos dos demais, como que o que pasa entre unha familia ou parella non é cousa nosa e nós non o entendemos, cando nos países do norte o que está mal visto é permanecer pasivo e non estar activo no camiño cara a evolución conxunta da sociedade. Pero non quero ser catastrofista e quero aclarar que si creo que a evolución conxunta chegará tamén a España tarde ou cedo, aínda co gran intento do Goberno de aparvar a poboación a través de festas baseadas en mestura de alcohol e maltrato animal, fútbol e programación televisiva lixo. Sei que é unha sociedade que está moi formada, porque me da igual o que digan do sistema educativo español, eu penso que o funciona moi ben. Só se trata de viaxar e ler, e as cousas virán por si soas.

E ata aquí a miña reflexión persoal que me aportou esta clase. Só dicir que me gustou moito a maneira na que se desenvolveu e que me queda pendente descubrir como conseguir unha actitude madura por parte dos alumnos para que se desenvolva mellor a clase e a aprendizaxe sexa máis propicia.

Proposta de actividade para a aula

A actividade proposta para a clase consistirá no seguinte:

Primeiramente, anotaría no taboleiro palabras clave para que os alumnos adiviñasen de que temática se trata. Esas palabras serían as seguintes:

Floods, drought, heat wave, economic impact, melting ice, sea level rise

Empezaría poñendo unicamente tres palabras, e iría engadindo unha ata que alguén adiviñase que o tema é o Climate Change.

Logo preguntaría se coñecen máis palabras clave, aínda que fose en galego ou castelán e logo trataríamos de sacalas todos xuntos.

Despois preguntaría se coñecen persoas famosas involucradas neste tema: James Cameron, Harrison Ford, Mark Ruffalo. Sairá o tema de Leonardo Dicaprio e o discurso dos Oscars. Preguntaría se viron a película e que lles pareceu, con coidado de non contar demasiado para quen non a vira. Logo preguntaría se alguén viu o discurso e se recordan algo.

A continuación poñería o vídeo en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=AOoP56eXtzM, saltando os agradecementos e indo directamente á parte na que pasa á temática do cambio climático (empeza no minuto 1:58).  Previamente explicaría algunhas estruturas como to take for granted, to procrastinate, to be drowned out. 

Logo preguntaría se entenderon algunha palabra clave como species, indigenous people, polluter e se sacaron algunha idea e daría un reforzo positivo. A continuación daría a transcrición en inglés e volveríamos a velo co texto diante, e preguntaría que palabras lle parecen importantes e senten algunha preocupación persoal por este tema. Preguntaría tamén se coñecen algunha consecuencia máis producida polo cambio climático, como: species extiction, diseases, landslides.

Logo poñería o seguinte vídeo, un corto animado algo impactante que trata sobre a pisada do ser humano na terra: https://www.youtube.com/watch?v=dWAAgY94kiM&t=11s

Despois, preguntaríalles que lles parece e se lles parece importante frear algunhas das cousas que se están a facer. 

Tamén preguntaría que podemos facer persoalmente para aportar o noso gran de area, e tamén se hai alguen que xa o fai ou que está decidido a empezar a facer algo concreto. Logo sacaría o tema das 3 r’s: reduce, rehuse and recycle. 

A continuación diríalles que se levantasen e preguntasen a 4 compañeiros que medidas toman eles para contribuír a este proceso e pediríalle a 4 persoas que compartiran os resultados.Por último, animaríaos a estes tres pasos, así como a facer compost aqueles que teñan a posibilidade.