Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Valcárcel. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Valcárcel. Mostrar todas las entradas

sábado, 4 de marzo de 2017

Última sesión - Carlos

Sesión 6 con Carlos: Recopilatorio e votos

Esta foi a derradeira sesión con Carlos e do mestrado.

Aproveitamos esta aula para facer un recopilatorio de todas as nocións que fomos vendo ao longo da materia, así como unha avaliación colectiva do que aprenderamos.
Fixemos distinción entre coñecementos e competencias e xuntos fomos reunindo conceptos nunha presentación conxunta. Dos coñecementos, lévome os principais conceptos que se han de ter en conta á hora de desenvolver unha boa clase: feedback, scaffolding, adecuación do enfoque didáctico e metodolóxico, usos do CALL e un bo desenvolvemento da avaliación do alumnado. En canto ás competencias, saber motivar ao alumnado, saber recoñecer o interese deste en todas as situacións, facer un uso axeitado dos recursos didácticos (tanto de libros como das TICs), manter un entorno comunicativo e dinámico e ser innovador e creativo. Estes son os principais mandamentos dun bo profesor.

A continuación fixemos unha especie de xuramento no que nos comprometíamos a realizar sempre tres cousas que nos pareceran máis importantes e nunca deixar de aplicalas, así como comprometernos a recordárnolos a nós mesmos de cando en cando.
Por último fixemos unha lista de formas de seguir aprendendo aspectos de didáctica, como visitar blogs especializados, ler sobre traballos de especialistas en métodos de aprendizaxe (estar sempre actualizado), revisar de cando en cando a biblioteca a ver se hai nova bibliografía interesante, seguir en contacto cos compañeiros para ir tamén aprendendo os uns dos outros [o construtivismo é aplicable a todos os ámbitos en todas as materias], apuntarse a formacións, participar en proxectos, ver charlas de TED e entrevistas a especialistas.

Deste xeito fixemos un resumo chave de todo o visto ao longo da materia, e levamos un esquema mental conciso para saber sempre cal é o xeito máis adecuado co que deberemos proceder.

Esta materia, xunto coa de psicoloxía, resultáronme as máis interesantes do mestrado e podo dicir que levo moito aprendido e que me sinto máis segura á hora de saber que serei capaz de implementar todos estes aspectos no desenvolvemento das aulas.



Sesión 5 Carlos Valcárcel: A avaliación

A avaliación

Nesta sesión falamos sobre a avaliación na aula de linguas estranxeira.
Empezamos entendendo o verdadeiro significado de avaliación e todo o que esta conleva, posto que non só se trata de corrixir e de cualificar numericamente, senón tamén de dar feedback e que teña repercusión na aprendizaxe.

Empezamos facendo unha actividade na que dixéramos cousas que nos molestaran no paso sobre as avaliacións dos profesores, as máis repetidas foron o feito de non avaliar as competencias senón só os coñecementos específicos de gramática e vocabulario, enfocarse no erro e non noutros aspectos das actividades e centrarse só na gramática. A min había algunha cousa que me molestaba tamén e era que aínda que puntuaban a asistencia, os centos de presentacións, e de traballos e entregas, isto só se reflectía na nota unha vez aprobado o exame, o que viña a ser o mesmo se sempre, centrar a verdadeira importancia na proba e deixando ver que o resto só era complementario.

Aprendemos que hai tres normas que hai que ter moi claras á hora de avaliar para que sexa unha avaliación real e coherente. Primeiro, ter en conta todos os aspectos do que o alumno aprendeu e de todo o seu desenvolvemento na aula. Logo, que sexa fiable, non deixarse involucrar porque unha persoa teña don de xentes se non ten maiores nocións de coñecemento que outro. E por último a factibilidade, ter moi en conta o tempo que temos para avaliar, o número de mostras recollidas e o número de criterios de avaliación. Coherencia.

Vimos outras posibles formas de levar a cabo a avaliación: autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación. A primeira trátase de que o alumno se corrixe a si mesmo seguindo uns baremos orientativos. Eu son máis partidaria da avaliación por parte do profesor que da a materia. Creo que é o realmente experto no tema, coñece aos alumnos, a súa traxectoria, o seu interese, o grao de mellora e os coñecementos reais que o estudante ten (que non sempre se reflicten nun exame). Considero que a parte social no proceso de avaliación é moi importante. Non creo que un alumno, por moitas pautas que lles dean para efectuar a avaliación, poida exercer de maneira xusta esta función. Non creo que estea preparado para ser consciente das consecuencias da avaliación e de todos os matices que esta debe englobar. E o mesmo coa avaliación por parte de outros profesores que non presenciaron as clases e a evolución nela dos alumnos. Neste caso, aínda que me considere unha persoa innovadora noutros ámbitos da miña vida, no que á avaliación respecta, quedo co sistema de avaliación tradicional.

Tamén vimos a importancia de realizar distintos tipos de avaliación, desde a inicial ata a sumativa, e a importancia de avaliar exactamente o que se busca en cada proba. E tamén as diferentes ferramentas que se poden usar en cada unha.

No caso da avaliación de linguas temos que ter en conta que hai moitos aspectos que han de ser avaliados, co cal deberemos ter unhas pautas moi claras para poder realizar unha avaliación correcta. Deberemos ter unha lista cos criterios que teremos en conta (contido, estruturación, léxico, gramática, comunicación non verbal, comprensión, etc.). Así, deberemos ter unha lista para seguir todos os puntos de control e ila revisando periodicamente.

A miña conclusión é que hai que transmitir aos estudantes a sensación de tranquilidade no que respecta aos exames. Hai que conseguir na aula un ambiente de calidez e tolerancia para que non se sintan avergoñados de falar outro idioma, e así poder sacar máis proveito á aprendizaxe na aula. Ademais, eu persoalmente faría probas semanais, e preguntaría todas as semanas listas de vocabulario e estruturas destacadas para que a base de repetición o recordasen. Tamén preguntaría cada día a tres persoas algo destacado da clase anterior e iría dando un 0,01 punto que se sumaría na nota final, para ver se así houbera algún que tivera interese en pouco a pouco ir engadindo interese e puntuación.
En resumo, un adecuado sistema de avaliación é moi importante para ser xustos cos resultados do alumnado e tamén para que este se sinta máis seguro a hora de saber que é o que se busca e que é o máis importante na aprendizaxe.




miércoles, 1 de marzo de 2017

Sesión 4 - Carlos Valcárcel: CALL

Sesión 4: CALL

Esta sesión dedicámola á profundización da aprendizaxe de linguas baseado no CALL.

O CALL (Computer Assistance Language Learning) é un tipo de didáctica na ensinanza de idiomas que se basea nas ferramentas dixitais. Pode resultar bastante interactiva e conseguir que tamén sexa efectiva a aprendizaxe. Falamos do termo Gamification (ludificación), que consegue que a aprendizaxe de linguas se faga dunha maneira interactiva, entretida e que se produza de maneira eficaz sen ter que desempeñar un esforzo tan grande como o de memorizar normas e vocabulario.
Xa empezou antes de que chegara internet a todos os fogares, inicialmente facíase a través de cds de audio.

Colleu forza cos anos por múltiples motivos, nalgúns casos por non poder asistir presencialmente a un curso, e outros porque realmente é un reforzo moi efectivo para que se produza a aprendizaxe. Trátase dunha comunicación multimodal, posto que non se trata só de ler textos e escribir redaccións, senón que tamén teñen acceso a vídeos, audios, fotos, etc. E a aprendizaxe visual acostuma a ser a máis eficaz, todo o que se recibe a través dunha imaxe, permanece dunha maneira distinta na mente que se se ten que procesar a través de palabras. Deste xeito, coas correctas imaxes e vídeos explicativos, pódese adquirir en menos tempo máis coñecemento.

Trátase dunha aprendizaxe colaborativa, porque aínda que non están xuntos, poden construír tamén o coñecemento entre varios. Ademais do feedback recursivo, a corrección dos comentarios para recibir a información correcta.

Toda esta aprendizaxe lévase a cabo a través de dispositivos informáticos, ben sexa ordenador, tablet ou incluso o propio móbil. Está sempre accesible e disponible para volver dunha maneira rápida a ela sen ser necesario buscar nos caixóns para atopar as páxinas.

Falamos do MOOC e do Padlet, cousas das que gardo un bo recordo por ver na clase de informática. O Padlet pareceume especialmente creativo e divertido, e o MOOC paréceme moi explicativo se está claro e organizado.

Comentamos de novo a importancia da aprendizaxe periférica que se constrúe a través de ver como o fan os outros, ou os coñecementos que eles aportan.

Vimos a posibilidade de utilizar as redes sociais como recursos moi interesantes para a posta en práctica da materia, con menor esforzo e maior diversión, así como o interese intrínseco por estar activo nunha rede que pode unir con máis persoas e no que o factor social aumenta as posibilidades de estar activo na aprendizaxe.

Tivemos a oportunidade de ver unha das páxinas de Facebook de Carlos que utiliza para as clases dos seus alumnos. Foi incriblemente interesante, porque puidemos ver en directo vídeos nos que se sentía a emoción e a implicación dos alumnos que participaban, así como todos os comentarios nas imaxes do blog. Ademais, podíase apreciar que a aprendizaxe era moi real porque eran cousas do día a día que eles utilizan, como falar dos seus ídolos, das súas mascotas, descricións, chistes.... E o feito de que houbese premios incrementaba a actuación e a implicación.

Sen dúbida, un grupo de Facebook para a aula vai a ser unha das ferramentas que use nas miñas clases. Creo que é moi innovador e divertido, e é unha maneira de estar sempre conectado e con curiosidade por saber cousas dos demais, xeito de coñecer moito novo vocabulario con interese persoal por querer entender e coñecer.


Con todo, aínda que este método ten aspectos moi positivos, creo que a experiencia presencial é moito máis gratificante. Se non se entende algo no momento explícase, xorden dúbidas que outras persoas tiveron e que ao mellor a outro desde a casa non se lle ocorrerían. Tamén se trata dunha interacción real e a sensación de unión social fai que se produza un ambiente cálido no aula que favorece a dinámica da clase.

Sesión 3 Carlos Valcárcel - Aprendizaxe baseada en tarefas

APRENDIZAXE BASEADA EN TAREFAS

Comezamos unha explicación da plataforma de Google presentations, un especie de muro dixital no que todos os membros da aula poden participar ao mesmo tempo aportando ideas e creando coñecemento de maneira conxunta.

Logo pasamos ao recorrido deste método de aprendizaxe por tarefas influenciado polo construtivismo e que se empeza a usar a finais dos 80. Consiste en que, por grupos, se vaia creando un saber conxunto para acadar uns obxectivos, e poder acadalos reunindo as mellores ideas de cada membro, influenciándose así os uns aos outros. Así é como se desenvolve o denominado aprendizaxe periférica, que é aquela aprendizaxe que se leva a cabo a través de ver como fan os demais ou os coñecementos que outros aportan e complementándose. O profesor non é a única fonte de coñecemento.

As tarefas deben estar moi ben programadas e ter uns fins moi específicos, para que todo estea perfectamente coordinado e a ensinanza sexa concreta e clara. Toda a teoría que se dea na aula debe estar relacionada e baseada na tarefa práctica que se vai a realizar despois. Por exemplo, non se pode ver vocabulario na aula que non se vaia a utilizar despois, deberán ser termos adecuados á temática da tarefa, para así poñelo en práctica, producindo o que se chama reciclaxe lingüística.
Trátase dunha aprendizaxe activa, na que pasan de reproducir a crear, un xeito moito máis efectivo para que se efectúe a ensinanza.

E moi importante levar un rexistro de cómo se está desempeñando para ver que partes lles están causando máis conflito na aprendizaxe e poder así solventalo.

Debe estar moi ben programada e ser auténtica, para que eles poidan poñerse no caso práctico e resolver como se faría, produce un resultado e pon en práctica todas as competencias do alumno.
Fixemos unha actividade que consistira en propor unha tarefa para os alumnos, e no noso grupo eliximos a creación dun folleto de gastronomía de Vigo, no que presentaran os distintos tipos de comida que podemos atopar e elixiran o restaurante que a eles lles parecían máis significativos. Desta maneira terían que encontrar os locais, aprender todo o vocabulario das comidas, facilitar direccións, aprender os números e prezos en inglés e tamén a facer descricións.

Hai catro divisións notorias nas secuencias da aprendizaxe por tarefas que son as seguintes: a pretask (por exemplo unha actividade co léxico base), o task sycle (unha serie de actividades facilitadoras que guían o camiño cara a tarefa final), task implementation (a mobilización dos recursos, saberes e actividades que os alumnos van a levar a cabo para realizar por completo a tarefa final) e a avaliation. Esta última tamén ten moita importancia porque, informando previamente ao alumnado como se vai avaliar, guiaraos no camiño para saber que decisións serán máis acertadas para despois poder conseguir mellor resultado. Deste xeito falamos na aula da importancia das rúbricas na ensinanza. Tamén vimos a proposta dun debate controlado, para poder avaliar os coñecementos xerais que se aprenderon na aula (e que poñeríamos despois en práctica na última aula da materia).

Tamén falamos do Scaffolding, aquelas estratexias de apoio que o profesor vai dando para ir guiando aos alumnos e que así poidan alcanzar a construción plena do coñecemento.

Para finalizar vimos un vídeo en Youtube e Alina Filipescu de Total Physical Response dunha clase na que ela fai unha especie de teatro a medida que vai ensinando a lingua española. Así, consigue captar a atención do alumnado en todo o momento, facer que ao estar en movemento estea máis atento ao que está facendo e conseguir facelo real. Foi moi interesante.


A conclusión que saquei foi que é moi interesante este tipo de aprendizaxe porque se fai moi levadeiro, interactivo e consegue que os alumnos queiran superarse a si mesmos polo feito de traballar en grupo, posto que teñen ganas de competir de algunha maneira. Ademais, ao ter que poñer en práctica o mesmo vocabulario varias veces, é máis seguro que vaia a ser lembrado.

martes, 31 de enero de 2017

Sesión 3 - Carlos Valcárcel: O enfoque por tarefas

Clase 16-01-17

Na clase de hoxe vimos o enfoque por tarefas.

Este é un método de aprendizaxe que se empeza a empregar a finais dos anos 80, antes este tipo similar de enfoque denominábase baseado en problemas. Este método está influenciado polo construtivismo, posto que os coñecementos se van afianzando a través da interacción co grupo, pouco a pouco vaise construíndo o saber, e así permanece por máis tempo na memoria.

Os proxectos pódense facer de maneira individual pero son máis efectivo se se elaboran en conxunto, posto que así tamén aparece a aprendizaxe periférica, que se dá cando as persoas aprenden vendo o que fan os demais, complementándose e aprendendo mutuamente. Así, da mesma maneira que no enfoque construtivista, o profesor fai de guía para que os alumnos alcancen o saber de maneira activa en comunidade, non só o profesor é a fonte de información sendo Ademais, a través deste método aplícanse e avalíanse tamén varias competencias, entrenando especialmente a comunicativa.

Non obstante, as tarefas deben de ter un fin específico, non poden estar creadas sen uns obxectivos claros. Débese corresponder cunha das unidades do temario da materia. Ten que ser auténtica, para que os alumnos adquiran coñecementos de situacións reais que sintan que poden aplicar e que saberán como levar a cabo, mobilizar procesos cognitivos que farán acadar un saber entre todos e producir un resultado. Así, irán desenvolvendo microfuncións ata chegar ao resultado final da tarefa, que é a macrofunción. Para todo isto, os alumnos teñen que estar preparados, polo que previamente se deben ir introducindo actividades que guíen aos estudantes a poder levar a cabo con éxito a tarefa, así como tamén facilitarlles fontes de información e tamén exemplos para que poidan orientarse (facilitadores).

Deste xeito, fixemos unha actividade na aula que consistía en propoñer unha tarefa en grupos de cinco. A nosa foi que os alumnos, tamén por grupos, creasen un folleto de un tipo de gastronomía das que podemos atopar en Vigo e elixir o restaurante que consideren máis representativo. Para isto é preciso que estean familiarizados con vocabulario de gastronomía, coas direccións, prezos, recomendacións e opinións persoais, adxectivos chave, etc. (microfunción comunicativa).


Persoalmente aínda nunca de clase con este sistema e gustaríame poñelo en práctica, pero quizais o que eu faría sería combinalo con outros tipos de aprendizaxe, para así alternar con frecuencia e que os estudantes non sintan que caen nunha rutina. Pero si que me parece que o máis acertado para unha clase de linguas é poñer en escena os aspectos comunicativos, posto que creo que o máis importante é que os alumnos adquiran seguridade á hora de falar e á hora de poñerse en escena, sentir que se saben defender e obter a seguridade que os empuxe a seguir adiante na aprendizaxe e a adquirir a lingua con éxito. Este é un aspecto que considero moi importante, porque a seguridade en un mesmo é a que desenvolve o papel máis importante á hora de acadar unha aprendizaxe. É o que motiva a seguir aprendendo e impide un bloqueo cognitivo. Ademais, o ter seguridade en un mesmo, leva a querer progresar en outros ámbitos da vida, como a querer desenvolver outras iniciativas e outras preocupacións.

Estou encantada de que por fin se avalíen as competencias, posto que a actitude é o que realmente conta na vida, e non só a capacidade de memorizar. E para mostra o noso presidente de Goberno, número un na súa promoción, pero que ninguén sabe que fai aí.

Así mesmo, é unha excelente maneira de preparar para a vida, posto que a aprendizaxe non remata no instituto ou na universidade, senón que estamos aprendendo toda a vida ata o día en que morremos. E acho que esta é unha boa maneira de preparar ao alumnado a enfrontarse a todos os retos que nos poidan chegar e ser capaces de tomar as pertinentes medidas para superalos. Aínda que tamén cabe dicir que nada como un ano de Erasmus para iso!

lunes, 30 de enero de 2017

Sesión 2 - Carlos Valcárcel: A contextualización da aprendizaxe

Mércores, 11  de xaneiro

Ao principio da aula fixemos un repaso da clase anterior, recordando a importancia dun amplo repertorio lingüístico como profesor de linguas, que favorece a facilidade de aprendizaxe aos nosos alumnos.

Logo adentrámonos nos tipos de didáctica de linguas específicos para cada contexto concreto. Así, vimos a importancia de adecuar a ensinanza da lingua ao contexto específico de aprendizaxe, cousa que ata hai uns anos non se reparaba. Deste xeito, pódese diferenciar entre: didáctica da lingua inicial, didáctica da segunda lingua, didáctica da lingua estranxeira, aprendizaxe precoz de linguas estranxeiras, linguas estranxeiras para fins específicos e lingua estranxeira para seniors. E probablemente co tempo vaian aparecendo novas necesidades aínda máis específicas. Isto móstranos que temos que expor o enfoque didáctico en función do contexto, así como as gramáticas utilizadas, porque non son as mesmas necesidades as que teñen os expertos que traballan no campo da ciencia que buscan entender e redactar papers en inglés, que aqueles que o fan por interese persoal e por intentar reforzar a memoria, como son as persoas maiores. Do mesmo xeito, tampouco se pode presentar da mesma maneira se é un curso variado de persoas presencial como é a EOI que se é online, como os da UNED. Na EOI poderase partir dun contexto de aprendizaxe comunicativa polo contexto ambiental a través interacción co resto dos compañeiros, mentres que na UNED se aplicará o CALL (Computer Assistance Language Learning). Tamén se comentou na clase o nicho que hai no mercado da ensinanza de linguas sobre as novas tendencias de aprender inglés á par que se realizan outras actividades, como Golf & English ou Cata de viños & English. A min que me vou a ir fóra en canto remate o mestrado, xa me deu a idea de organizar un taller de cociña e ensinar español. Co cal, se me xorde a oportunidade de poder alugar unha cociña a bo prezo, organizarei un Tortilla & Español ou Paella y Castellano.

Na segunda metade da clase aula tamén vimos os factores que hai que ter en conta na aprendizaxe de linguas estranxeiras, que se poden dividir en: recursos didácticos, cartos e variable de alumnos. Neste punto, desempeña un papel moi importante a idade dos aprendices e cal sexa a súa lingua inicial. Sen dúbida, para o cerebro humano é fisicamente moito máis sinxelo adquirir idiomas nos primeiros anos de idade, xa que o cerebro está predisposto para iso, e a partir dos 7-9 anos xa se empezan a adquirir outras habilidades que non inclúen a capacidade de adquirir a fonética como antes, pero si a analítica e lóxica para poder entender regras e estruturas gramáticas e saber aplicalas. Por isto, a lingua inicial pasa a ser un filtro para todos os idiomas. Este persoalmente é un tema que me parece moi interesante, porque eu levo toda a vida nas clases de idiomas oíndo a frase: non traduzas! E sempre me pareceu absurda porque para dentro, preguntábame: pero como non vou traducir? Vexo incompatible aprender calquera concepto novo sen comparalo con conceptos xa coñecidos ou información previa que teñamos, porque é un proceso que fai o cerebro á hora de intentar adquirir calquera coñecemento novo, relacionalo con coñecementos previos asociados á temática para así poder asimilar e asentar a información nova. E nunca me pareceu mal en absoluto comparar coa nosa gramática inicial ou co noso vocabulario inicial para intentar buscar conexións lóxicas ou simplemente facer equivalencias ou distincións e así poder asimilar mellor a situación. Son estratexias lóxicas que o cerebro humano fai, poñan como se poñan. E sobre isto precisamente me gustaría enfocar o meu TFM, posto que ademais estudei Tradución e Interpretación e sinto que está asociado á miña liña de estudos.

Por último, tamén falamos do concepto “interlingua”, que fala de que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira é unha espiral e que o proceso dura moito tempo. Aparece nos anos 70, creado por Selinker, e inclúe todas estas aproximacións e hipóteses que o aprendiz fai sobre a lingua estranxeira para ir asentando a súa aprendizaxe. Así como a importancia do ensaio – erro. Non se pode estigmatizar ao aprendiz cos erros, as interferencias son naturais e necesarias. Carlos tamén nos deu o sabio consello de non corrixir en vermello, para que os alumnos non o asocien coa súa incapacidade e se frustren, senón de escribir a alternativa para que directamente aprendan a correcta.