Mércores, 11 de xaneiro
Ao principio da
aula fixemos un repaso da clase anterior, recordando a importancia dun amplo repertorio
lingüístico como profesor de linguas, que favorece a facilidade de aprendizaxe
aos nosos alumnos.
Logo adentrámonos
nos tipos de didáctica de linguas específicos para cada contexto concreto. Así,
vimos a importancia de adecuar a ensinanza da lingua ao contexto específico de
aprendizaxe, cousa que ata hai uns anos non se reparaba. Deste xeito, pódese
diferenciar entre: didáctica da lingua inicial, didáctica da segunda lingua,
didáctica da lingua estranxeira, aprendizaxe precoz de linguas estranxeiras,
linguas estranxeiras para fins específicos e lingua estranxeira para seniors. E probablemente co tempo vaian
aparecendo novas necesidades aínda máis específicas. Isto móstranos que temos
que expor o enfoque didáctico en función do contexto, así como as gramáticas
utilizadas, porque non son as mesmas necesidades as que teñen os expertos que
traballan no campo da ciencia que buscan entender e redactar papers en inglés, que aqueles que o fan
por interese persoal e por intentar reforzar a memoria, como son as persoas
maiores. Do mesmo xeito, tampouco se pode presentar da mesma maneira se é un
curso variado de persoas presencial como é a EOI que se é online, como os da UNED. Na EOI poderase partir dun contexto de
aprendizaxe comunicativa polo contexto ambiental a través interacción co resto
dos compañeiros, mentres que na UNED se aplicará o CALL (Computer Assistance
Language Learning). Tamén se comentou na clase o nicho que hai no mercado da
ensinanza de linguas sobre as novas tendencias de aprender inglés á par que se
realizan outras actividades, como Golf
& English ou Cata de viños & English.
A min que me vou a ir fóra en canto remate o mestrado, xa me deu a idea de
organizar un taller de cociña e ensinar español. Co cal, se me xorde a
oportunidade de poder alugar unha cociña a bo prezo, organizarei un Tortilla
& Español ou Paella y Castellano.
Na segunda metade
da clase aula tamén vimos os factores que hai que ter en conta na aprendizaxe
de linguas estranxeiras, que se poden dividir en: recursos didácticos, cartos e
variable de alumnos. Neste punto, desempeña un papel moi importante a idade dos
aprendices e cal sexa a súa lingua inicial. Sen dúbida, para o cerebro humano é
fisicamente moito máis sinxelo adquirir idiomas nos primeiros anos de idade, xa
que o cerebro está predisposto para iso, e a partir dos 7-9 anos xa se empezan
a adquirir outras habilidades que non inclúen a capacidade de adquirir a
fonética como antes, pero si a analítica e lóxica para poder entender regras e
estruturas gramáticas e saber aplicalas. Por isto, a lingua inicial pasa a ser
un filtro para todos os idiomas. Este persoalmente é un tema que me parece moi interesante,
porque eu levo toda a vida nas clases de idiomas oíndo a frase: non traduzas! E
sempre me pareceu absurda porque para dentro, preguntábame: pero como non vou
traducir? Vexo incompatible aprender calquera concepto novo sen comparalo con
conceptos xa coñecidos ou información previa que teñamos, porque é un proceso
que fai o cerebro á hora de intentar adquirir calquera coñecemento novo,
relacionalo con coñecementos previos asociados á temática para así poder
asimilar e asentar a información nova. E nunca me pareceu mal en absoluto
comparar coa nosa gramática inicial ou co noso vocabulario inicial para
intentar buscar conexións lóxicas ou simplemente facer equivalencias ou
distincións e así poder asimilar mellor a situación. Son estratexias lóxicas que
o cerebro humano fai, poñan como se poñan. E sobre isto precisamente me
gustaría enfocar o meu TFM, posto que ademais estudei Tradución e
Interpretación e sinto que está asociado á miña liña de estudos.
Por último, tamén
falamos do concepto “interlingua”, que fala de que a aprendizaxe dunha lingua
estranxeira é unha espiral e que o proceso dura moito tempo. Aparece nos anos
70, creado por Selinker, e inclúe todas estas aproximacións e hipóteses que o
aprendiz fai sobre a lingua estranxeira para ir asentando a súa aprendizaxe.
Así como a importancia do ensaio – erro. Non se pode estigmatizar ao aprendiz
cos erros, as interferencias son naturais e necesarias. Carlos tamén nos deu o
sabio consello de non corrixir en vermello, para que os alumnos non o asocien
coa súa incapacidade e se frustren, senón de escribir a alternativa para que
directamente aprendan a correcta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario