sábado, 7 de enero de 2017

TEMA 6: A metodoloxía CLIL

A metodoloxía CLIL

A metodoloxía CLIL (Content and Language Integrated Learning) é unha metodoloxía que se basea na aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira. Busca que a aprendizaxe se leve a cabo dun xeito natural nun contexto propicio con que os alumnos poidan gozar del e conseguir unha aprendizaxe máis efectiva.

O primeiro principio desta metodoloxía di que a lingua se emprega para aprender contido da área, máis tamén hai que aprender a lingua para comprender e comunicar. Así, este método pódese aplicar a calquera área, sen tratarse necesariamente da lingua estranxeira, podendo así empregar o método en calquera outra materia, porque o uso da lingua é significativo e non o obxectivo único da aprendizaxe. Desta maneira os estudantes poderán aprender todo o vocabulario relacionado coa temática dun xeito moito máis real e cun contexto pleno. Por conseguinte, o profesorado CLIL que pretenda levar a cabo este sistema na súa materia, deberá ter interiorizado non só o currículo da materia senón tamén o currículo lingüístico.

O segundo principio dita que a materia que se estuda é a que determina o tipo de lingua que se necesita aprender. Así, dependendo da materia, entrenaranse máis unhas destrezas ou outras, e tamén as estruturas ou tipos de discurso das linguas.

O terceiro principio deste método propón que a fluidez é máis importante que a precisión gramatical e lingüística en xeral. O obxectivo con este é asentar a confianza do alumno no uso da lingua. Con todo, o profesor prestará atención nisto e aproveitará cada oportunidade para intentar asentar as estruturas correctas lingüísticas e gramaticais.

Un concepto clave para traballar a forma lingüística é o concepto de scaffolding ou andamiaxe. O scaffolding refírese a un conxunto de técnicas que buscan a mellora progresiva do estudante na traxectoria cara unha aprendizaxe máis avanzada. Céntrase na capacidade de resolución de problemas e de outras estratexias dos alumnos. Así, o profesor busca conseguir que saia deles mesmos a resolución dos problemas, facilitándolle medios para conseguilo pero sen proporcionar directamente as respostas. O andamiaxe clasifícase en tres tipos: de recepción (asegura que o alumnado extrae a información relevante), de transformación (aporta estratexias para transformar a información en algo novo) e de produción (apoio para crear ou producir algo novo).

A metodoloxía basease nos catro conceptos coñecidos como as 4 C’s do currículo de Coyle, que implican que unha lección CLIL correctamente deseñada deberá incluír os seguintes elementos: contido (progresión no coñecemento e destrezas relacionados cos elementos dun currículo relacionado), comunicación (uso da lingua mentres se aprende a lingua), cognición (desenvolvemento de destrezas de pensamento para relacionar conceptos, comprensión e linguaxe) e cultura (exposición das distintas interpretacións compartidas).

Hai catro principais características que destacan nesta metodoloxía. A primeira é que se trata dun ensino centrado no alumno. Polo tanto, as tarefas negócianse con eles para facelos partícipes na aprendizaxe e así sentir un grado maior e interese e involucración.
O ensino parte do particular ata chegar ao xeral, e o traballo enfócase en tarefas con roles determinados.

Outra característica destacada é que se trata dunha ensinanza flexible e facilitadora. Prima facilitar a comprensión do contido e do contexto, adaptalo aos distintos estilos de aprendizaxe e o emprego de estratexias lingüísticas.

Ademais, é unha aprendizaxe interactiva e autónoma. O traballo realizase por grupos ou parellas e lévase a cabo mediante procesos de descubrimento e investigación.

Por último, ao ser unha aprendizaxe enfocada por tarefas, promóvese a aprendizaxe paso por paso, así como a comunicación co equipo e as estratexias de atención e de comprensión. Tamén aprenden a avaliar o traballo posto que se utilizan rúbricas para avaliar aos pares, aprendendo así o que é importante nunha boa redacción.

Sen dúbida, este tipo de aprendizaxe ten moitas vantaxes, e por iso se optou por integralo no currículo en diversos centros. Moitas veces coñécense como centros plurilingües.
Para isto, hai que ter moi ben organizada a programación do curso e analizar todas as necesidades do alumnado, as competencias básicas, os obxectivos e contidos, e saber facer bo uso das palabras clave e estruturas gramaticais necesarias, así como poder facilitar materiais apropiados e adaptar a lingua ás necesidades do alumnado.

Implantar isto no currículo trátase dunha tarefa custosa porque require de moitos recursos, pero que persoalmente considero altamente efectiva. Como participante do grupo bilingüe durante os cursos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato en determinadas materias, sinto que realmente puiden obter vantaxe no idioma e máis soltura ao intentar desenvolverme nel e ao oílo do que tiñan os outros compañeiros. Considero que é unha iniciativa moi interesante e que todos os centros deberían considerar ofertar para que os alumnos de todas partes tiveran as mesmas oportunidades.


No hay comentarios:

Publicar un comentario