sábado, 7 de enero de 2017

TEMAS 7 e 8: O ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras en países da nosa contorna / A situación de España nos países da nosa contorna

O ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras en países da nosa contorna / A situación de España nos países da nosa contorna

A situación de aprendizaxe en España dista moito do estilo, e tamén do resultado, dos outros países de Europa.

Hoxe en día fálase cada vez máis da imperiosa necesidade de dominar idiomas sobre todo para progresar no ámbito laboral, e tamén para poder defenderse no caso de ter que cambiar de país de vivenda debido á alta taxa de deslocalización de empresas debido á globalización.

Nestes temas faise unha análise dos sistemas educativos nos países que máis destacan nos resultados dos informes PISA creados pola OCDE para avaliar o nivel dos estudantes a nivel internacional. Céntranse en tres áreas: matemáticas e coñecemento lóxico, comprensión lectora (materias de linguas) e ciencias (coñecemento científico). E sempre aparecen en primeira plana nos xornais e telediarios.

Desde o meu punto de vista, estes resultados non aportan moito valor real ao sistema educativo, posto que a OCDE é a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos, que non ten nada que ver con ensinanza, didáctica ou pedagoxía, co cal o que realmente buscan é que a xente estea formada adecuadamente coas destrezas buscadas para conseguir man de obra eficiente para as empresas, non necesariamente ben formada en cultura e valores. Opino que se trata dunha estratexia ben organizada polas grandes empresas que manexan as cordas desde detrás dos gobernos para facer alumnos competitivos entre eles e con destrezas adecuadas ao que eles buscan, e que non velan pola formación real das persoas.

De calquera xeito, é indiscutible que algúns destes países analizados están na cabeza dos listados por cadenseu destacado motivo, e eses motivos son os que se analizan a continuación.

Empezamos polo caso finlandés, que é o máis interesante polas súa situación de mellora repentina en moi poucos anos e que consiguiu alcanzar o podio. No caso finlandés, este tratábase dun dos países menos destacados en grao de educación, posto que ao tratarse dun país con poboación moi reducida e pouca capacidade monetaria, a maioría do seu presuposto ía dirixido ao gasto en defensa. En canto a situación do país cambiou, eses gastos pasaron a inverterse en educación e tecnoloxía.

A ensinanza finlandesa está baseada na aprendizaxe a través do método construtivista. Este conclúe que, para que se obteña unha aprendizaxe real e non pasaxeira, esta debe ser levada a cabo polo propio suxeito a través da súa acción activa e consciente, e non simplemente retransmitido.
Cabe destacar que existen tres teorías do constructivismo realizadas por os tres autores máis destacados e recoñecidos que son Piaget, Vygostsky e Ausubel. A primeira explica que o suxeito interactúa co obxecto de coñecemento, a segunda, que o coñecemento se forma coa interacción cos que nos rodean e a terceira, asegura que só así o coñecemento pode ser significativo para o suxeito.
Así trátase dunha aprendizaxe única, baseada nuns contidos, un método e uns obxectivos, construída a partir dos coñecementos previos, que favorece o desenvolvemento dos procesos creativos e cognitivos, alcanzando así unha aprendizaxe real ao ter contacto directo coa experiencia real.

Na aula vimos unha entrevista coa profesora finlandesa Maria Peteri. Contaba que os pais recibían clases para aprender as materias e poder logo así axudar aos seus fillos. A profesión de docente ten moito prestixio social e está moi ben remunerado, só os máis preparados poden acceder ao posto.
O currículo é moito máis extenso que en España e está máis adaptado á realidade. Así tamén, por lei, ningún alumno pode vivir a máis de 5 km da escola, deben poder ter acceso a un colexio próximo. E o número máximo de alumnos permitidos por aula é de 24.

Ademais, se ven que algún alumno ten problemas académicos, asígnaselle unha axuda. Basean o seu sistema educativo na política ética de: “No child is left behind”.De acordo cos datos actuais, un 43 % do alumnado repetiu algunha vez en España, algo que en Finlandia non acontece porque o sistema non permite que aconteza, dado que inverten todos os seus esforzos en facer que pasen.

Así mesmo, a sociedade tamén desenvolve un papel moi importante no esforzo dunha boa educación, porque ademais de colaborar na aprendizaxe, tamén reciben permisos de paternidade pensados para criar os fillos da maneira máis responsable posible, e tamén se lles facilita o contacto cos centros para o seguimento académico dos fillos e as ausencias no traballo polas visitas á escola para falar cos titores.

Outro detalle que tamén cabe destacar, é a importancia do ensino público, así como a mentalidade xeral dunha sociedade que basea o seu funcionamento total nas institucións públicas. Inverten unha gran cantidade dos seus soldos en impostos para que o país funcione, cren no bo funcionamento do seu sistema e todos os cidadáns participan para que siga polo bo camiño. Por isto, os pais teñen acceso en calquera momento ás aulas e a ver o que alí se ensina, así como a ver como desempeña o seu papel o docente. Nin desconfían nin se enfrontan, todos se unen para loitar polo ben común e o avance da sociedade. E así, é como Finlandia encabeza a lista dos resultados PISA, non centrándose en acadar bos resultados, senón centrándose en evolucionar e crecer como sociedade conxunta.

O modelo canadense.

Neste caso, ao tratarse dun país tan extenso, o seu sistema educativo está dividido por rexións. As 10 provincias teñen os seus plans de estudo e coordínaos da maneira que considera máis apropiada. Cada territorio presenta o seu tipo de ensinanza. Así, teñen consellos escolares locais.

Valoran moito a diversidade e a educación é gratuíta e obrigatoria. Neste caso tamén teñen escolas privadas, pero por unha causa distinta que á de España, senón pola de que haxa liberdade de culto. Consideran a educación relixiosa como algo fundamental de libre elección.

A inversión económica que reciben do estado é proporcional áo número de alumnado que teñan as comunidades, aínda que tamén ás necesidades especiais dos alumnos.

Presentan un elevado grao de respecto cara o bilingüismo, de aí que valoren tanto a ensinanza de idiomas.

Ademais, aportan atención personalizada aos alumnos inmigrantes (ou ben que non coñezan a lingua ou que non coñezan a cultura) e así un coordinador aténdeos a tempo completo.

A educación está especializada en destrezas laborais. As materias obrigatorias e de libre elección teñen orientación laboral ou de requirimentos que se lle esixan de aquela universidade á que queren ir. Desta maneira, evitan o abandono escolar por parte de aqueles estudantes que atopan traballo.
Teñen un programa de avaliación continua, coñecido como programa de avaliación pancanadiense. Este comproba de forma periódica o nivel dos estudantes en lectura, matemáticas e ciencias en cada unha das rexións (sistema anterior ao dos análisis PISA).

Atenden á diversidade nas aulas. Parte das subvencións vai destinada á educación especial. Esta educación especial pódese dar de maneira paralela nas aulas ou individualmente en clases separadas. Así avalían a evolución de cada neno.

Dan moita importancia á educación social e emocional. Teñen programas excelentes para prevenir o bullying e para tratar a empatía. Pretenden crear persoas comprometidas e solidarias (cabe destacar que Dinamarca é outro país onde tamén coidan moito este aspecto na educación).

Ao igual que aquí, teñen escolas primarias e secundarias, e logo teñen institutos técnicos con programas de estudos preuniversitarios.

Tamén teñen escolas de idiomas públicas e privadas. Languages Canada son agrupacións de máis de 130 escolas de idiomas, moitos para inmigrantes. En Québec chámase franceization.
Con todo estes factores, pódese entender por que destacan como un dos países con mellor sistema educativo, porque inverten en formación e na preocupación social dos membros da súa sociedade.

O modelo xaponés

Este caso tamén é moi destacado, aínda que bastante controvertido por ser excesivo.
Aquí, o currículo establécese a nivel nacional.

A lexislación educativa é estable e duradeira (dende o 1947). Produciuse unha revisión no 2006 pero sen cambios substanciais, só para introducir materias que promoveran o civismo, o respecto pola tradición e a cultura. Queren formar individuos independentes. É unha educación moi resolutiva.
Educación maioritariamente pública e gratuita: Primaria, secundaria inferior, secundaria superior e universitaria. Os libros están fixados polo Ministerio de Educación, e son eles quen se encargan de distribuílos de maneira gratuíta.

Teñen bastantes materias de formación en valores: economía doméstica (cociñar, coser, artes tradicionais xaponesas como caligrafia (shodo) ou poesía (haiku). Tamén teñen cursos de educación moral.

Considérase esencial que os alumnos desenvolvan unha conduta cooperativa, disciplina de grupo e respecto as normas. Deste xeito, son fundamentais as normas, a cooperación e a disciplina de grupo.
O esforzo é esencial e a competitividade alta.  O éxito está no esforzo, non na habilidade e estratexias.

Si un neno vai mal no colexio é unha vergonza para a familia e para o país. Un neno non pode avergonzar a familia. Non pode haber nenos vagos porque hai moita presión e é unha aberración. Non cabe lugar.

Priman a habilidade para resolver problemas. Currículo esixente en canto aos contidos, que é moi amplo e moi exhaustivo. Na aula plantexan problemas que los alumnos teñen que resolver. Non se trata de memorizar senón de ser capaces de resolver as cousas.

Na escola non só se estuda. A comida tráenna eles e tamén limpan o centro. Uns limpan os pupitres, outros cociñan etc. Enfócanse en saber o que é o traballo e en equipo.

Estúdase moitas horas e fanse deberes. Deben praticar Kanji (sistema de escritura)
As súas vacacións son de tan só 10 días ao ano. E incluso fan deberes nelas (soe ser un proxecto que elixen eles)
Os mestres son moi respectados. Historicamente debían pertencer á clase Samurai. Unha das profesións mellores pagadas do país.

Ao igual que en Finlandia, tamén existe a idea de educación en grupo. O país está obrigado a involucrarse na educación, se o seu fillo presenta problemas na escola, están obrigados a pedir que un especialista lle axude.

Por toda esta insistencia e presión é polo que Xapón sempre queda entre os primeiros postos nos resultados PISA.

O modelo Surcoreano

Este modelo é moi similar ao xaponés.
Os aspectos máis destacados desta ensinanza son a inversión económica que nela se inverte, a cualificación do profesorado e o prestixio social que este presenta.

Trátase dun país con moi poucos habitantes e ven a educación como un medio para saír da pobreza.
Os estudantes dedican literalmente todo o tempo da súa vida en ser o mellor e moi competitivo, e debido a isto teñen unha taxa de suicidios incriblemente alta, de uns 40 estudantes ao día, debido ao estrés que lles produce. Ademais, confesan que un 51 % dos estudantes pensou algunha vez en quitarse a vida.

Só teñen tres universidades moi competitivas e é moi difícil entrar nelas.

Evidentemente, este é un modelo que ninguén debería seguir pola súa falta absoluta de cordura e sentido para a vida.

En resumo, o modelo que máis envexa podería dar é o de Finlandia, aínda que tamén opino que a vida non xira en torno aos estudos, e que si en España se introducise o sistema comunicativo, se ampliase o número de profesores e se se lle dera o valor á educación que realmente ten, penso que é un bo modelo do que estar orgulloso, posto que os estudantes saen moi ben preparados, definitivamente mil veces máis preparados que para os traballos cos que posteriormente se lles premia. Se queren facer cambios útiles en España, que empecen pola promover os valores éticos e o respecto, e o resto xa virá só.

No hay comentarios:

Publicar un comentario