sábado, 7 de enero de 2017

TEMA 2: A LOMCE

A LOMCE

Esta nova lei para a mellora da calidade educativa resultou ser un auténtico fiasco.
Millóns moi necesarios para outras cousas moi requeridos nunha época dura para o país investidos en dar máis voltas a unha ensinanza que (con salvedades, especialmente nas materias de idiomas) xa se podía presumir dela.

Unha reforma aplicada por un partido político conservador e desigualitario que busca a mellora duns poucos e o atraso de outros, adornándoo con palabras bonitas e frases animadoras.
O punto máis polémico desta nova reforma foi a introdución de reválidas, volvendo así a esa época tan botada de menos por algúns que era a de Franco. Na que os ricos se podían permitir estudar e os outros quedaban relegados a un segundo plano.

Así, as reválidas buscan roubar títulos e aforrar en educación, intentando a toda costa desviar o alumnado a ciclos en lugar de a universidade. Deste xeito, formarase ás persoas para un único obxectivo, que será o de desempeñar unha tarefa concreta nunha empresa, en lugar de coñecer mundo e desenvolver un pensamento crítico  e coñecer outras áreas relativas ao estudo seleccionado.

Ademais, as probas non valen para nada en termos reais de educación. Unha boa formación é continua, de nada vale unha proba externa que veña a avaliar contidos concretos tras anos de formación, e que dependan do estado de ánimo dun único día, representando un resultado irreal da verdadeira situación académica do alumno. Implicando ademais que se lle quite un título claramente obtido tras dous anos de esforzo e éxito.

Da mesma maneira, é unha reforma que busca crear man de obra axeitada para as empresas e que fai que os profesores se centren en entrenar aos estudantes para pasar esas probas, deixando así de lado outros aspectos culturais e críticos que os profesores ata agora tiñan tempo para aportar. Este é o verdadeiro obxectivo da última reforma do PP, e da que tamén está detrás a OCDE, que é o de que o pobo non teña pensamento crítico e social, senón que sexa competitivo e enfoque todos os seus recursos en buscar éxito laboral a través de dar ganancias ás empresas.

Paréceme lamentable que todos os gobernos fomenten tanto o interese polos resultados PISA, cando en realidade están levados a cabo por unha institución que non ten nada que ver coa educación. Se a escusa que utilizan para isto é a de asegurar que os profesores cumpren co seu traballo, entón que se fagan as avaliacións aos profesores, que empece a funcionar a inspección dunha vez por todas. E de paso que tamén empecen a funcionar as inspeccións a nivel político.

De todos xeitos, non considero que todos os aspectos que se introduciron na educación (xa coa LOE) sexan malos. Paréceme moi interesante que se valore a capacidade comunicativa dos alumnos, que os ensinen a apreciar os seus propios recursos, non só a capacidade de memorización, senón tamén a súa capacidade propia de resolución de problemas e de sentirse a si mesmos valorados polos coñecementos que poden aportar ao grupo.

Tamén me parece moi importante que obriguen a educar na tolerancia, que empeza saíndo da actitude de respecto que amosan os profesores na aula, que ata agora nalgúns casos brillaba pola súa ausencia. E tamén valoro que aposte pola interactividade e a transversalidade nas aulas, conseguindo así un coñecemento permanente.

Vexo ben de igual maneira que se introduzan ciclos duais, e opino que todos os ciclos deberían selo, posto que se está formando a traballadores exclusivos para empresas, non para investigación nin outros ámbitos, co cal vexo moi comprensible que sexan elas as que colaboren nesta formación.
E vexo ben que inclúan nas programacións a importancia do respecto e da tolerancia, poisto que esta, xunto coa solidariedade, a preocupación polo planeta e o interese por aprender é o único camiño para unha evolución real da raza humana e a súa supervivencia conxunta.



No hay comentarios:

Publicar un comentario