jueves, 9 de marzo de 2017

Sesión 3 Luz - Expresión escrita

Sesión 3 Luz – Expresión escrita

Empezamos esta sesión presentando a actividade que tiñamos que traer preparada. A nosa trataba dunha imaxe de Dayna diante dunha casa en forma octogonal típica de Michigan de cando compartía piso con amigas da universidade. Neste caso saíron ao fronte da clase o grupo de Montse, David e Nerea, e na súa imaxe podiamos ver a Montse cos protagonistas da película de O Mago de Oz na Premier en Londres. Unha foto canto menos peculiar.

Eu fixen esta mesma actividade cun grupo de 1º da ESO durante as prácticas no instituto. Posto que ían a ver o temario das partes da casa e tipos de vivendas, e era o meu primeiro día de clase con eles, empecei poñéndolle unha foto da residencia na que estivera eu vivindo de Erasmus e eles tiñan que adiviñar de que se trataba. Foi moi divertido e puideron aprender moitas novas cousas sobre Alemaña, aparte de vocabulario sobre edificios e vivendas, posto que tamén lle puxen outras fotos de vivendas típicas do país e da zona de Baviera.
Paréceme moi interesantes facer as actividades de clase comunicativas, para que así os alumnos non deixen de prestar atención e sintan curiosidade por aprender.

Tamén falamos da importancia de poñer en xogo algún incentivo extra, como a posibilidade de organizar concursos cun premio final, por pequeno que sexa. Ou o feito de organizar tarefas con outros centros para que realmente sintan o interese intrínseco de querer comunicarse de maneira real.
Dedicamos unha parte da aula tamén a falar da avaliación e da importancia de valorar todos os aspectos, de involucrar a aula no proceso e de coñecer a importancia do erro, do proceso no que ese se implica, da necesidade de cometelo para aprender del. Non estigmatizalo senón aproveitalo para mellorar e que non sintan que é algo malo senón algo bo para procesalo e erradicalo.


Persoalmente, ao que máis importancia lle dou eu é ás ferramentas comunicativas e ao cognitivismo, que cada persoa sexa capaz de identificar as súas capacidades e saiba poñelas en práctica e aproveitalas. Que saiban que poden facer moito máis do que cren e que perdan a vergoña de falar noutro idioma na aula. Preocupareime moito de intentar crear un ambiente relaxado na aula en medida do posible (por suposto tamén depende do comportamento do alumnado, porque ten que haber un orde) coa intención de que haxa un entorno de tranquilidade e confianza, sen medo a que se rían dos seus erros. E concienciar da aprendizaxe en grupo e da aplicación de estratexias para evolucionar na aprendizaxe. Tamén son partidaria de poñer probas periódicas para controlar que vaian recordando os conceptos máis importantes e o vocabulario clave e máis imprescindible. E a pesar de ser tradutora e estudar unha carreira puramente gramática e de análise lingüístico, apoio un sistema educativo de linguas baseado na función comunicativa e nunha menor concentración nas estruturas gramaticais.

Para a expresión escrita considero que é moi importante que coñezan que é o que se espera deles e que sexan conscientes do que son capaces de facer, dos coñecementos e das ferramentas que poden aplicar. Creo que é moi importante enfatizar a lectura, insistir en ler ben os enunciados e os textos, e de cada parágrafo sacar as ideas clave e traballar en torno a eso. Saber reformular a información que teñen e enlazala con outros coñecementos e así sacarlle partido. A capacidade resolutiva é algo imprescindible tanto no día a día da vida persoal como na vida académica e profesional.

1 comentario:

  1. A entrada titúlase Expresión escrita, pero non hai mención de ningunha, nin das propostas na sesión nin de ningunha que ti propoñas!
    Alégrome de que a proposta coa foto resultase ben, normalmente así é sempre.

    ResponderEliminar