jueves, 9 de marzo de 2017

Sesión 3 Ana - CLIL

Sesión 3 Ana – CLIL

Comezamos esta última sesión cun Warm-up the elixir bando nalgunhas cuestións xerais do estilo: café ou té? Can ou gato? Inverno ou verán? E debatir por que. Moi entretido porque coñeces datos curiosos sobre os compañeiros e porque falas de algo realmente común que da moito tema e ganas de defender postura.

Despois, introducímonos na temática CLIL e como está implantado o sistema bilingüe na educación española. Eu persoalmente, e como estudante que xa cursou a sección bilingüe na ESO e no Bacharelato, son moi partidaria desta metodoloxía. Opino que é indiscutible que canto máis input da lingua inglesa recibamos, máis coñecementos absorberemos. Por isto, considero moi beneficioso que se introduza en todas as escolas do país en todos os grupos, aínda que nalgúns casos sexa a modo de apoio, porque é realmente gratificante sentir que estás aprendendo inglés ao mesmo tempo que outra materia. E sen dúbida, o nivel dos alumnos que están na sección bilingüe é moito máis elevado, así como o interese e a presión do grupo por aprender máis e por mellorar. Ademais, estas seccións suelen ir da man de viaxes e intercambios, e correspondencia con outros centros de outros países. Todo isto aporta un altísimo nivel de educación social e cultural, polo que non son máis que vantaxes para o crecemento persoal do alumno.

É moi importante saber levar as clases, e conseguir que haxa un balance entre o contido, a comunicación, a cognición e a cultura, para que así a metodoloxía se desenvolva da maneira máis correcta posible e cumpra a súa misión de efectividade. É importante tamén aportar aos alumnos medios para que sexan capaces de desenvolver as súas propias estratexias de aprendizaxe e saiban explotar as súas fortalezas. Ademais de axudar a mellorar as destrezas comunicativas e da importancia de traballo en grupo, posto que o grupo é outra gran fonte de coñecemento.


O meu TFM vai a estar baseado no concept-based  approach e algunhas actividades que levei a cabo na aula consistían que entre todos foran reunindo as características propias das descricións e das conversacións formais e informais. E neste tipo de actividades pódese ver como de interesante é que vaian entre todos tendo iniciativa e interese en descubrirse a si mesmos e se sentan orgullosos dos seus resultados, ademais que serán esquemas conceptuais mentais que lle quedarán na mente para sempre e poderán levar a cabo noutras situacións diferentes.

Sesión 2 Ana – Comprensión escrita/lectora

Sesión 2 Ana – Comprensión escrita/lectora

Empezamos cun Warming Up moi divertido cun toque ético de sobre cal sería a nosa maneira de actuar ante una situación de cúmulo de circunstancias na vida diaria. Sen dúbida a miña maneira de actuar tíñaa moi clara, primeiro non armar un cristo na cociña, logo o bebé, logo os timbres porque o descoñecido non prima en absoluto ante o persoal e por último a roupa, se se molla xa se volverá a lavar, será por roupa…

Sen dúbida este tipo de actividades son moi divertidas e interesantes para captar a atención do alumno, que desconecten da asignatura anterior e outras distraccións persoais e pasen a centrarse nas actividades comunicativas.

Fixemos un exercicio de proba de que os alumnos non len os exercicios, cousa que me recordou moito a min. O certo é que creo que é algo humano lanzarse a intentar resolver o problema sen analizar a situación correctamente antes, igual creo que é pola presión da sociedade de facer todo a correr, de que canto antes se faga máis efectivo se é, cando é mentira. Canto mellor se faga máis efectivo é, porque se eliminan os posibles posteriores arreglos.

Ana tamén nos comentou a estratexia de poñer a principios de curso un texto de selectividade e a finais de curso volverllo a poñer, para darse conta así dunha maneira real de canto melloraron, levantándolle isto a autoestima e confianza en si mesmos de cara a esta proba. Isto paréceme moi importante na aprendizaxe de idiomas, a ausencia de vergoña e confianza para progresar. Algo que sen dúbida eu traballaría desde o primeiro día intentando crear un bo ambiente na aula.

Logo vimos unha actividade para a adquisición de adxectivos que se pode propoñer e que da mesma maneira tamén fomenta o aumento da confianza en si mesmos, que consiste en describir as cualidades do compañeiro e cales non ten e lles gustaría ter. Polo xeral soen ser benevolentes e só pola curiosidade que terían, prestarían moita atención, quedaríanse co vocabulario e sacaríalles un sorriso.
Durante a transición da aula, Montse fixo un comentario moi interesante dun recordo que tiña da súa clase de inglés cando estaba de alumna no instituto e a súa profesora era esta mesma. Ese recordo trataba de que nunha ocasión, unha das compañeiras de instituto ou ben copiara ou lle fixeran a redacción que había que entregar. A estratexia inmediata da profesora para sancionar e resolver isto foi preguntarlle nada máis chegar a clase ao día seguinte por determinadas estruturas ou vocabulario que contiña esa redacción. Ao non sabelas, resultou evidente o delito e, aparte de ter que repetilo, non lles quedaría ganas de volver a copiar.

Tamén vimos os tipos de lectura e como se deben levar a cabo para que sexa eficaz, falarlles deles e da importancia de buscar aspectos clave e información específica para poder sacar o máximo proveito posible para solventar as tarefas.

Parécenme todos xeitos moi acertados de desenvolver unha clase de idiomas. Dinámica, proactiva e con moito interese. Ademais de asentar bases e sentir esa tranquilidade na aula que lles leva a estar máis relaxados (porque a tensión nunca levou a nada) e adquirir mellor os coñecementos. Sen dúbida sempre tirarei de polo menos unha actividade interactiva en cada clase para que esta se faga máis levadeira e se relaxen. E tamén teño moi claro que a mediados-finais de cada aula preguntarei o vocabulario repetidas veces para que o vaian memorizando, asegurándome de que se levan os conceptos clave e o vocabulario máis destacado.

Sesión 1 Ana - Comprensión oral

Sesión 1 Ana - Comprensión oral

Esta foi a nosa primeira sesión con Ana e unha vez máis, quedamos encantados. Unha clase moi do estilo da de Luz: dinámica, innovadora e interactiva.

Para empezar deunos outra moi boa idea de empezar unha clase de principio de curso presentándonos de maneira que poidamos coñecer un pouco máis sobre os demais.  Maneira tamén de empezar as clases e captar a atención dos alumnos de maneira voluntaria e con gañas (un warm-up ameno).

Logo aclaramos a diferenza entre exercicio, actividade e tarefa. Aínda que as actividades son a mellor opción, porque nin son aborrecedoras  nin se pasan de largo, considero que os exercicios son unha boa opción para dixerir de maneira visual, aclarar e asentar determinados conceptos. Logo as actividades orais parécenme a mellor opción para, despois de oír algo moitas veces, que saia de maneira natural. Unha tarefa paréceme moi boa opción para o final de cada avaliación ou dun tema importante. Que eles mesmos se encarguen de saber reproducir e utilizar no contexto correcto as estruturas adecuadas e o vocabulario correspondente ao tema.

Falamos tamén do importantísimo factor da motivación intrínseca na aprendizaxe. A min tamén me parece fundamental, porque o interese intrínseco é o que fai que levemos ao noso terreo calquera tema e aí asente de maneira especial, porque nada ten tanto éxito como aquilo que se realiza cun obxectivo persoal.

Tamén falamos das distintas formas de explotar un audio, as distintas actividades que se poden levar a cabo a partir dun exercicio auditivo e como se pode desenvolver de xeito oral dependendo de cómo o enfoquemos e que obxectivo lle poñamos, e a que público irá destinado.

Persoalmente penso que a comunicación oral é a máis importante nun idioma. Evidentemente, todas son moi importantes á hora de coñecer ben unha lingua e poder traballar con ela (ben sexa para o ámbito laboral, como para poder ler libros específicos ou noticias, ou ver películas en versión orixinal), pero considero que a comunicación oral, para dar o primeiro paso nunha lingua, é o máis importante. Se de primeiras se colle soltura para expresarse nunha lingua, e seguridade ao entendela, isto aportará un factor de confianza na persoa moi importante para que os seguintes na aprendizaxe dunha lingua se produzan de maneira máis efectiva.


Así, eu nas miñas aulas sempre farei que se sentan cómodos tanto falando como entendendo, repetindo as veces que fagan falta, para que unha vez se sentan coa confianza suficiente, o resto vaia xurdindo con soltura e tranquilidade, sen medo a que non sexan capaces de aprender a lingua.

sábado, 4 de marzo de 2017

Última sesión - Carlos

Sesión 6 con Carlos: Recopilatorio e votos

Esta foi a derradeira sesión con Carlos e do mestrado.

Aproveitamos esta aula para facer un recopilatorio de todas as nocións que fomos vendo ao longo da materia, así como unha avaliación colectiva do que aprenderamos.
Fixemos distinción entre coñecementos e competencias e xuntos fomos reunindo conceptos nunha presentación conxunta. Dos coñecementos, lévome os principais conceptos que se han de ter en conta á hora de desenvolver unha boa clase: feedback, scaffolding, adecuación do enfoque didáctico e metodolóxico, usos do CALL e un bo desenvolvemento da avaliación do alumnado. En canto ás competencias, saber motivar ao alumnado, saber recoñecer o interese deste en todas as situacións, facer un uso axeitado dos recursos didácticos (tanto de libros como das TICs), manter un entorno comunicativo e dinámico e ser innovador e creativo. Estes son os principais mandamentos dun bo profesor.

A continuación fixemos unha especie de xuramento no que nos comprometíamos a realizar sempre tres cousas que nos pareceran máis importantes e nunca deixar de aplicalas, así como comprometernos a recordárnolos a nós mesmos de cando en cando.
Por último fixemos unha lista de formas de seguir aprendendo aspectos de didáctica, como visitar blogs especializados, ler sobre traballos de especialistas en métodos de aprendizaxe (estar sempre actualizado), revisar de cando en cando a biblioteca a ver se hai nova bibliografía interesante, seguir en contacto cos compañeiros para ir tamén aprendendo os uns dos outros [o construtivismo é aplicable a todos os ámbitos en todas as materias], apuntarse a formacións, participar en proxectos, ver charlas de TED e entrevistas a especialistas.

Deste xeito fixemos un resumo chave de todo o visto ao longo da materia, e levamos un esquema mental conciso para saber sempre cal é o xeito máis adecuado co que deberemos proceder.

Esta materia, xunto coa de psicoloxía, resultáronme as máis interesantes do mestrado e podo dicir que levo moito aprendido e que me sinto máis segura á hora de saber que serei capaz de implementar todos estes aspectos no desenvolvemento das aulas.



Sesión 5 Carlos Valcárcel: A avaliación

A avaliación

Nesta sesión falamos sobre a avaliación na aula de linguas estranxeira.
Empezamos entendendo o verdadeiro significado de avaliación e todo o que esta conleva, posto que non só se trata de corrixir e de cualificar numericamente, senón tamén de dar feedback e que teña repercusión na aprendizaxe.

Empezamos facendo unha actividade na que dixéramos cousas que nos molestaran no paso sobre as avaliacións dos profesores, as máis repetidas foron o feito de non avaliar as competencias senón só os coñecementos específicos de gramática e vocabulario, enfocarse no erro e non noutros aspectos das actividades e centrarse só na gramática. A min había algunha cousa que me molestaba tamén e era que aínda que puntuaban a asistencia, os centos de presentacións, e de traballos e entregas, isto só se reflectía na nota unha vez aprobado o exame, o que viña a ser o mesmo se sempre, centrar a verdadeira importancia na proba e deixando ver que o resto só era complementario.

Aprendemos que hai tres normas que hai que ter moi claras á hora de avaliar para que sexa unha avaliación real e coherente. Primeiro, ter en conta todos os aspectos do que o alumno aprendeu e de todo o seu desenvolvemento na aula. Logo, que sexa fiable, non deixarse involucrar porque unha persoa teña don de xentes se non ten maiores nocións de coñecemento que outro. E por último a factibilidade, ter moi en conta o tempo que temos para avaliar, o número de mostras recollidas e o número de criterios de avaliación. Coherencia.

Vimos outras posibles formas de levar a cabo a avaliación: autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación. A primeira trátase de que o alumno se corrixe a si mesmo seguindo uns baremos orientativos. Eu son máis partidaria da avaliación por parte do profesor que da a materia. Creo que é o realmente experto no tema, coñece aos alumnos, a súa traxectoria, o seu interese, o grao de mellora e os coñecementos reais que o estudante ten (que non sempre se reflicten nun exame). Considero que a parte social no proceso de avaliación é moi importante. Non creo que un alumno, por moitas pautas que lles dean para efectuar a avaliación, poida exercer de maneira xusta esta función. Non creo que estea preparado para ser consciente das consecuencias da avaliación e de todos os matices que esta debe englobar. E o mesmo coa avaliación por parte de outros profesores que non presenciaron as clases e a evolución nela dos alumnos. Neste caso, aínda que me considere unha persoa innovadora noutros ámbitos da miña vida, no que á avaliación respecta, quedo co sistema de avaliación tradicional.

Tamén vimos a importancia de realizar distintos tipos de avaliación, desde a inicial ata a sumativa, e a importancia de avaliar exactamente o que se busca en cada proba. E tamén as diferentes ferramentas que se poden usar en cada unha.

No caso da avaliación de linguas temos que ter en conta que hai moitos aspectos que han de ser avaliados, co cal deberemos ter unhas pautas moi claras para poder realizar unha avaliación correcta. Deberemos ter unha lista cos criterios que teremos en conta (contido, estruturación, léxico, gramática, comunicación non verbal, comprensión, etc.). Así, deberemos ter unha lista para seguir todos os puntos de control e ila revisando periodicamente.

A miña conclusión é que hai que transmitir aos estudantes a sensación de tranquilidade no que respecta aos exames. Hai que conseguir na aula un ambiente de calidez e tolerancia para que non se sintan avergoñados de falar outro idioma, e así poder sacar máis proveito á aprendizaxe na aula. Ademais, eu persoalmente faría probas semanais, e preguntaría todas as semanas listas de vocabulario e estruturas destacadas para que a base de repetición o recordasen. Tamén preguntaría cada día a tres persoas algo destacado da clase anterior e iría dando un 0,01 punto que se sumaría na nota final, para ver se así houbera algún que tivera interese en pouco a pouco ir engadindo interese e puntuación.
En resumo, un adecuado sistema de avaliación é moi importante para ser xustos cos resultados do alumnado e tamén para que este se sinta máis seguro a hora de saber que é o que se busca e que é o máis importante na aprendizaxe.




miércoles, 1 de marzo de 2017

Sesión 4 - Carlos Valcárcel: CALL

Sesión 4: CALL

Esta sesión dedicámola á profundización da aprendizaxe de linguas baseado no CALL.

O CALL (Computer Assistance Language Learning) é un tipo de didáctica na ensinanza de idiomas que se basea nas ferramentas dixitais. Pode resultar bastante interactiva e conseguir que tamén sexa efectiva a aprendizaxe. Falamos do termo Gamification (ludificación), que consegue que a aprendizaxe de linguas se faga dunha maneira interactiva, entretida e que se produza de maneira eficaz sen ter que desempeñar un esforzo tan grande como o de memorizar normas e vocabulario.
Xa empezou antes de que chegara internet a todos os fogares, inicialmente facíase a través de cds de audio.

Colleu forza cos anos por múltiples motivos, nalgúns casos por non poder asistir presencialmente a un curso, e outros porque realmente é un reforzo moi efectivo para que se produza a aprendizaxe. Trátase dunha comunicación multimodal, posto que non se trata só de ler textos e escribir redaccións, senón que tamén teñen acceso a vídeos, audios, fotos, etc. E a aprendizaxe visual acostuma a ser a máis eficaz, todo o que se recibe a través dunha imaxe, permanece dunha maneira distinta na mente que se se ten que procesar a través de palabras. Deste xeito, coas correctas imaxes e vídeos explicativos, pódese adquirir en menos tempo máis coñecemento.

Trátase dunha aprendizaxe colaborativa, porque aínda que non están xuntos, poden construír tamén o coñecemento entre varios. Ademais do feedback recursivo, a corrección dos comentarios para recibir a información correcta.

Toda esta aprendizaxe lévase a cabo a través de dispositivos informáticos, ben sexa ordenador, tablet ou incluso o propio móbil. Está sempre accesible e disponible para volver dunha maneira rápida a ela sen ser necesario buscar nos caixóns para atopar as páxinas.

Falamos do MOOC e do Padlet, cousas das que gardo un bo recordo por ver na clase de informática. O Padlet pareceume especialmente creativo e divertido, e o MOOC paréceme moi explicativo se está claro e organizado.

Comentamos de novo a importancia da aprendizaxe periférica que se constrúe a través de ver como o fan os outros, ou os coñecementos que eles aportan.

Vimos a posibilidade de utilizar as redes sociais como recursos moi interesantes para a posta en práctica da materia, con menor esforzo e maior diversión, así como o interese intrínseco por estar activo nunha rede que pode unir con máis persoas e no que o factor social aumenta as posibilidades de estar activo na aprendizaxe.

Tivemos a oportunidade de ver unha das páxinas de Facebook de Carlos que utiliza para as clases dos seus alumnos. Foi incriblemente interesante, porque puidemos ver en directo vídeos nos que se sentía a emoción e a implicación dos alumnos que participaban, así como todos os comentarios nas imaxes do blog. Ademais, podíase apreciar que a aprendizaxe era moi real porque eran cousas do día a día que eles utilizan, como falar dos seus ídolos, das súas mascotas, descricións, chistes.... E o feito de que houbese premios incrementaba a actuación e a implicación.

Sen dúbida, un grupo de Facebook para a aula vai a ser unha das ferramentas que use nas miñas clases. Creo que é moi innovador e divertido, e é unha maneira de estar sempre conectado e con curiosidade por saber cousas dos demais, xeito de coñecer moito novo vocabulario con interese persoal por querer entender e coñecer.


Con todo, aínda que este método ten aspectos moi positivos, creo que a experiencia presencial é moito máis gratificante. Se non se entende algo no momento explícase, xorden dúbidas que outras persoas tiveron e que ao mellor a outro desde a casa non se lle ocorrerían. Tamén se trata dunha interacción real e a sensación de unión social fai que se produza un ambiente cálido no aula que favorece a dinámica da clase.

Sesión 3 Carlos Valcárcel - Aprendizaxe baseada en tarefas

APRENDIZAXE BASEADA EN TAREFAS

Comezamos unha explicación da plataforma de Google presentations, un especie de muro dixital no que todos os membros da aula poden participar ao mesmo tempo aportando ideas e creando coñecemento de maneira conxunta.

Logo pasamos ao recorrido deste método de aprendizaxe por tarefas influenciado polo construtivismo e que se empeza a usar a finais dos 80. Consiste en que, por grupos, se vaia creando un saber conxunto para acadar uns obxectivos, e poder acadalos reunindo as mellores ideas de cada membro, influenciándose así os uns aos outros. Así é como se desenvolve o denominado aprendizaxe periférica, que é aquela aprendizaxe que se leva a cabo a través de ver como fan os demais ou os coñecementos que outros aportan e complementándose. O profesor non é a única fonte de coñecemento.

As tarefas deben estar moi ben programadas e ter uns fins moi específicos, para que todo estea perfectamente coordinado e a ensinanza sexa concreta e clara. Toda a teoría que se dea na aula debe estar relacionada e baseada na tarefa práctica que se vai a realizar despois. Por exemplo, non se pode ver vocabulario na aula que non se vaia a utilizar despois, deberán ser termos adecuados á temática da tarefa, para así poñelo en práctica, producindo o que se chama reciclaxe lingüística.
Trátase dunha aprendizaxe activa, na que pasan de reproducir a crear, un xeito moito máis efectivo para que se efectúe a ensinanza.

E moi importante levar un rexistro de cómo se está desempeñando para ver que partes lles están causando máis conflito na aprendizaxe e poder así solventalo.

Debe estar moi ben programada e ser auténtica, para que eles poidan poñerse no caso práctico e resolver como se faría, produce un resultado e pon en práctica todas as competencias do alumno.
Fixemos unha actividade que consistira en propor unha tarefa para os alumnos, e no noso grupo eliximos a creación dun folleto de gastronomía de Vigo, no que presentaran os distintos tipos de comida que podemos atopar e elixiran o restaurante que a eles lles parecían máis significativos. Desta maneira terían que encontrar os locais, aprender todo o vocabulario das comidas, facilitar direccións, aprender os números e prezos en inglés e tamén a facer descricións.

Hai catro divisións notorias nas secuencias da aprendizaxe por tarefas que son as seguintes: a pretask (por exemplo unha actividade co léxico base), o task sycle (unha serie de actividades facilitadoras que guían o camiño cara a tarefa final), task implementation (a mobilización dos recursos, saberes e actividades que os alumnos van a levar a cabo para realizar por completo a tarefa final) e a avaliation. Esta última tamén ten moita importancia porque, informando previamente ao alumnado como se vai avaliar, guiaraos no camiño para saber que decisións serán máis acertadas para despois poder conseguir mellor resultado. Deste xeito falamos na aula da importancia das rúbricas na ensinanza. Tamén vimos a proposta dun debate controlado, para poder avaliar os coñecementos xerais que se aprenderon na aula (e que poñeríamos despois en práctica na última aula da materia).

Tamén falamos do Scaffolding, aquelas estratexias de apoio que o profesor vai dando para ir guiando aos alumnos e que así poidan alcanzar a construción plena do coñecemento.

Para finalizar vimos un vídeo en Youtube e Alina Filipescu de Total Physical Response dunha clase na que ela fai unha especie de teatro a medida que vai ensinando a lingua española. Así, consigue captar a atención do alumnado en todo o momento, facer que ao estar en movemento estea máis atento ao que está facendo e conseguir facelo real. Foi moi interesante.


A conclusión que saquei foi que é moi interesante este tipo de aprendizaxe porque se fai moi levadeiro, interactivo e consegue que os alumnos queiran superarse a si mesmos polo feito de traballar en grupo, posto que teñen ganas de competir de algunha maneira. Ademais, ao ter que poñer en práctica o mesmo vocabulario varias veces, é máis seguro que vaia a ser lembrado.